Recuperar o esplendor das nosas Festas Patronais

A organización por parte do Concello das festas patronais deste 2018 foron unha pequena metáfora do que está a ser esta lexislatura en Cuntis. O reflexo dun goberno feble e sen iniciativa, de moi cuestionable capacidade para abordar os asuntos máis importantes. As Festas Patronais de Cuntis foron sempre unha referencia no calendario de lecer mesmo máis alá do noso municipio, pero este ano perderon o esplendor que conseguiran en anos anteriores. Por sorte, a incapacidade organizativa viuse en parte compensada polo excelente labor das persoas, asociacións, entidades e resto de colectivos de Cuntis que traballaron e/ou colaboraron desinsteresadamente. O noso agradecemento máis sincero a todas elas, sen as cales o programa festivo quedaría aínda máis pobre.

O noso grupo municipal xa solicitou formalmente a presentación de contas e un desglose detallado de gastos e ingresos. Agardamos poder coñecelo o máis axiña posible. A transparencia é innegociable cando falamos de fondos públicos.

Estas son as queixas máis repetidas entre os veciños e veciñas de Cuntis:

  • O petitorio fíxose tarde e foi moi escaso, co cal a recadación diminúe
  • Programación continuísta, escasa e sen capacidade para dinamizar a vila durante os catro días
  • Verbenas moi cuestionadas pola súa calidade
  • Difusión extremadamente pobre, sen cartelería mural
  • Confusión no referido ao Día das Atraccións, que o programa anunciaba para o día 19 e as propias atraccións ofreceron o día 20

Estas e outras deficiencias son constatables e asentáronse na opinión maioritaria das veciñas e veciños de Cuntis. Mais como vén sendo habitual, o traballo de Veciñanza non se limita unicamente á crítica, senón a presentar alternativas. Neste sentido, elaboramos unha serie de propostas encamiñadas a un traballo ben planificado e capaz de devolverlle ás nosas Festas Patronais o esplendor que no seu día acadaron. Son sinxelas pautas que unha administración pode seguir:

  • Planificar con antelación suficiente para traballar con maior marxe de manobra á hora de contratar
  • Comezar o petitorio con tempo dabondo
  • Implicar realmente a todos os sectores de Cuntis (asociacións, comercio, hostalaría, etc.) e promover activamente a súa participación para que poidan aportar. Non abonda con dicir que ‘poden facelo’
  • Estudar con rigor o que se contrata e plantexar que tipo de festas queremos
  • Elaborar un programa que dinamice a vila todos os días de festa, para todos os públicos, orixinal, atractivo e que anime a quedar na vila
  • Coordinar debidamente a instalación das atraccións, coas normas de montaxe, desmontaxe e demais aspectos claramente acordados.
  • Coidar a difusión do programa, investir en formatos realmente efectivos e facelo de xeito rigoroso e profesional.

En Cuntis merecemos un Goberno que asuma a importancia dos eventos e se implique realmente na súa organización, que traballe con rigor e profesionalidade en todos os ámbitos. Só desta maneira poderemos recuperar o esplendor que no seu día acadaron as Festas Patronais do Baño, de Cuntis.

Share

Tamén pode gustarche...